
Os alumnos da sección bilingüe de inglés de 3º ESO do IES AS BARXAS DE MOAÑA asisten, en piragua, a súa última clase de inglés deste curso.
Acompañados da súa profesora, Palmira Calvar, os alumnos desprazáronse ata o CLUB NÁUTICO COBRES, en Santa Cristina onde asistiron á explicación dos distintos tipos de Kayaks e unhas nocións básicas na técnica de paleo. Tiñan por diante unha longa travesía porque dende o Peirao de Santa Cristina de Cobres se dirixiron ata Rande para visitar a Aula de interpretación - museo Meirande. Alí unha guía fíxolles un repaso da historia da zona: as razóns e resultado da Batalla de Rande de 1702, as distintas expedicióins na procura dos pecios e tesouros que viñeran das Indias, a presenza de Julio Verne na Ría, etc.
Resultou moi interesante achegarse á vida dos mariñeiros dos barcos da época, descubrir que tipo e cargamento traían, así como comparar as construcións dos buques. Isto é posible grazas ás maquetas da exposición, que facilmente nos permiten ver a ventaxe da armada anglo-holandesa.
A visita foi máis breve do previsto porque había que voltar ás piraguas e remar de novo nun mar de súpeto embravecido, o que fixo que o regreso supuxera un gran esforzo para os alumnos que, viñeron a demostrar que ademais de bos en inglés tamén están en estupenda forma física.